Síguenos en:

Facebook-Logo

twitter-logo

Archivo


Xornada Empresarial 2018

II Xornada Empresarial dentro do taller Non te pares, Érguete!

Este vindeiro venres, 22 de xuño, levarase a cabo a II Xornada Empresarial de encontro coas empresas no Centro Cultural de A Guarda, de 16 a 21 horas.


Trátase dun acto onde os participantes terán contacto directo con empresas da zona do baixo Miño e arredores para así coñecer, de primeira man, información sobre en que se fixan nos candidatos e candidatas á hora de facer as entrevistas ou mesmo as características dos perfís que soen requirir.


A primeira parte da xornada, de 16 a 18.30 horas, será aberta ao público e terá lugar unha mesa redonda con rolda de preguntas con representantes como Aixa Carrera e Lorena Rial do departamento de Recursos Humanos de Nortempo en Porriño, Rosana Vila do departamento de Recursos Humanos do Grupo Copo así como tamén Victoriano Rodríguez, presidente de Érguete Baixo Miño.  


Unha vez rematado o merecido descanso, terá lugar a segunda parte da Xornada Empresarial, de 19 a 21 horas, dirixido exclusivamente aos participantes do taller Non te pares, Érguete e será nesta parte da Xornada onde terán que demostrar todo o aprendido durante o curso para realizar con éxito as entrevistas exprés que lles farán os representantes das empresas.


Esta actividade atópase dentro do taller Non te pares, Érguete, o cal se está a levar a cabo, durante o mes de xuño, polo persoal laboral cualificado da Asociación xunto cunha psicóloga experta na materia, e destinado a persoas en situación de desemprego.


Atópase financiado pola Deputación de Pontevedra, Cohesión Social e Xuventude así como pola cota dos socios e socias e en colaboración co Concello de A Guarda pola cesión das instalacións.


Animamos a todos aqueles interesados en atopar traballo que se acheguen ao Centro Cultural de A Guarda o vindeiro venres, de 16 a 18.30 horas, durante a sesión aberta ao público, e estar así ao día nos requisitos do mundo laboral.


En Érguete Baixo Miño apostamos pola formación e intervención profesional como medidas de incorporación social e laboral así como de prevención de hábitos e condutas nocivas para a saúde.