Previr, acompañar e incluír: o noso día a día
Programas ao servizo das persoas e da comunidade
Na Asociación Érguete Baixo Miño deseñamos e poñemos en marcha programas gratuítos de prevención, atención ás condutas aditivas e incorporación social e laboral. Traballamos cos centros educativos, as familias, a mocidade, as mulleres, a poboación en xeral e coas persoas que xa teñen unha adicción, sempre nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Oia.
O noso obxectivo é reducir os factores de risco, aumentar os factores de protección e mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables da comarca.
Programas de prevención de condutas adictivas
A través da prevención queremos evitar ou atrasar o inicio no consumo de drogas (alcohol, tabaco, cannabis, etc.) e noutras condutas que poden xerar adicción, como o xogo de azar ou o uso problemático das TIC. Para iso actuamos en distintos ámbitos: escolar, familiar, xuvenil e comunitario.
Que facemos en prevención?
Na escola
Realizamos talleres de educación para a saúde con alumnado de 3 a 18 anos: falamos sobre substancias, riscos e consecuencias, pero tamén traballamos a autoestima, as emocións e as habilidades sociais para que poidan tomar decisións máis libres e responsables.
Coas familias
Ofrecemos información e orientación ás familias, especialmente a aquelas que viven situacións de vulnerabilidade. Acompañámolas para mellorar as súas habilidades educativas, reforzar os recursos familiares e aprender a detectar sinais de risco nas súas fillas e fillos.
Coa mocidade
Achegámonos a asociacións xuvenís, clubs deportivos e espazos de lecer para organizar actividades de ocio saudable, informar sobre riscos do consumo de drogas e do xogo e promover estilos de vida máis sans.
Na comunidade
Desenvolvemos campañas de sensibilización social, espazos preventivos en prensa, radio e internet e formación de mediadores/as sociais (profesorado, profesionais, voluntariado…) para que se convertan en axentes de prevención no seu día a día.
Que facemos en incorporación?
Xuvenil
Poñemos en marcha accións para que a mocidade participe na vida asociativa, adquira experiencia en proxectos colectivos e mellore capacidades relacionadas co emprendemento e a empregabilidade.
Xénero e igualdade
Integramos a perspectiva de xénero en todos os programas da entidade e desenvolvemos formacións específicas para mulleres, enfocadas na promoción da igualdade, a autoestima e a participación social.
Voluntariado e traballos en beneficio da comunidade
Coordinamos un servizo de voluntariado que permite á poboación implicarse en tarefas sociais e, ao mesmo tempo, adquirir experiencia útil para o seu futuro laboral. Colaboramos tamén coas institucións xudiciais na realización de traballos en beneficio da comunidade.
Envellecemento activo e convivencia
Organizamos actividades formativas e de participación para persoas maiores de 50 anos, poñendo en valor o patrimonio natural, cultural e social da contorna e favorecendo relacións de apoio e convivencia.
Itinerarios de inserción laboral
Desenvolvemos itinerarios personalizados de inclusión e transición ao emprego: diagnóstico da situación, acompañamento social, alfabetización básica (especialmente con persoas migrantes), mellora da economía familiar, formación en habilidades para o emprego, contacto con empresas e apoio na procura activa de traballo.
Tamén colaboramos con centros educativos e universidades para acoller prácticas formativas.
Atención ás adiccións
Desde Érguete Baixo Miño ofrecemos un servizo de atención próximo e confidencial ás persoas con problemas de adiccións e ás súas familias. O obxectivo é informar, orientar, acompañar nos procesos de cambio e reducir os danos asociados ao consumo.
Que ofrecemos en atención ás adiccións?
Información e acollida
Explicamos de maneira clara os efectos das distintas substancias e doutras adiccións, así como as consecuencias que poden ter na saúde, na familia ou no traballo. Axudamos a poñer nome ao que está a pasar e a dar os primeiros pasos para pedir axuda.
Atención e seguimento
Acompañamos ás persoas que queren deixar a adicción ou reducir o consumo, coordinándonos coa rede sanitaria e de servizos sociais. Realizamos derivacións e, cando é necesario, acompañamento a recursos de tratamento especializados.
Orientación a familias
Ofrecemos apoio e asesoramento a familias e persoas achegadas para que saiban como actuar, como coidarse e como apoiar o proceso de cambio da persoa con adicción.
Reducción de danos
Desenvolvemos intervencións destinadas a minimizar as consecuencias negativas do consumo: distribución de material preventivo (como xiringas e preservativos), servizos básicos de apoio (calor-café, aseo, lavandaría…) e outras actuacións que buscan mellorar a calidade de vida e a saúde das persoas usuarias.






